Síguenos en:

Grupo Operativo Forescelta

  • Grupo Operativo Forescelta: xestión de precisión en extensivo de gando porcino do tronco celta en bosques caducifolios iberoatlánticos de Asturias e Galicia

O pastoreo de gando nos montes é unha práctica ancestral, que inclúe ao gando porcino e foi importante na zona ibero-atlántica. A diminución de efectivos dende a década dos 50, foi menor no caso do tronco mediterráneo, que ocupa a metade Oeste e Sur da Península Ibérica, favorecendo a conservación en réxime extensivo ou semiextensivo dun número significativo de individuos, pola importancia económica dos produtos que se obteñen destes. Neste senso, hai numerosos estudos do tronco mediterráneo, o seu medio forestal, as dehesas, e, as relacións entre eles, onde se tratan múltiples aspectos do medio ambiente, manexo do gando, produción, e calidade de carne. Con todo, sobre os ecosistemas caducifolios atlánticos existen traballos que tratan sobre diversos aspectos dos mesmos, como chans forestais, a auto ecoloxía do carballo e o castiñeiro, silvicultura e produción forestal, a composición florística, produtividade do sotobosque en masas naturais, pero os estudos sobre o efecto do pastoreo de porcos neste tipo de ecosistemas son escasos. Os poucos traballos que temos son sobre animais criados en réxime intensivo ou semiextensivo e con alimentación ab libitum.

En Galicia e Asturias, o número de explotacións de porco do tronco celta está a aumentar, pero existe un notable descoñecemento das posibilidades destes sistemas silvopastoriles e das relacións destes coa calidade das súas carnes. Dentro deste campo, atópase a procura de sistemas que permitan unha xestión tecnolóxica das piaras, diminuíndo o tempo necesario que o gandeiro dedica ao control e alimentación da mesma, á vez que se destina terreo forestal a estes fins, o que favorece a calidade do produto final. Ademais, a redución do impacto ambiental é buscada con maior afano. Na actualidade, a mellora dos sistemas de seguimento, alimentación e control dos animais pode permitir subministración de penso individualizado a cada porco, un incremento da produción, animais con peso máis homoxéneo e un maior rendemento por parte do gandeiro, que necesitaría destinar menor tempo a eses traballos, podendo dedicar o resto a outras actividades da explotación. Iso suporía a posibilidade dunha redución de custes, a través do control da inxestión que permitiría un aproveitamento maior do penso, un incremento no ingreso por explotación e unha maior e continua oferta de produtos no mercado, que, xunto a outros produtores, podería xerar un incremento do valor do produto final.

Por tanto, o presente proxecto suprautonómico entre Galicia e Asturias coas razas Porco Celta e Gochu Asturcelta propón o estudo de sistemas silvopastoriles de frondosas para lograr produtos de calidade diferenciada mediante o emprego de recursos propios, que permitan prácticas sostibles e respectuosas co medio ambiente dentro dos sectores agrícola e forestal, levando a cabo actividades que mitiguen o cambio climático. Esta proposta pretende incrementar o aproveitamento mixto dos recursos do medio forestal que polo abandono rural están a ser ocupados por comunidades arbustivas que dificultan a súa explotación e reducen a accesibilidade aos montes. Un novo sistema de alimentación e control automático dos porcos facilitará os traballos do gandeiro e permitirá mellorar a calidade e homoxeneidade dos animais, á vez que permite regular a alimentación.

O Grupo Operativo Supra Autonómico FORESCELTA está formado por 8 membros:

Asociación para el Desarrollo del Territorio Interregional (INTEREO), Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Servicio Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario (SERIDA), Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), Asociación de Criadores de Gochu Asturcelta (ACGA), Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta (ASOPORCEL), Asociación de Propietarios Forestais do Occidente de Asturias (ASFOROCAS), Monte Veciñal en man común Monte do Carballo (MVMC “O CARBALLO”). Sendo a Asociación INTEREO a coordinadora do mesmo.

INTEREO encargarase da coordinación e difusión dos resultados entre propietarios individuais, asociacións de propietarios (SOFOR) e comunidades de montes interesadas na súa implantación dentro do territorio. O AGACAL coordinará e realizará os controis de produción de froitos do bosque e vexetación na explotación de Galicia. O SERIDA coordinará aspectos de deseño e execución do proxecto en cooperación co resto das entidades participantes. O CTC será o encargado de analizar a calidade físico-química, nutricional e organoléptica das canales de Gochu Asturcelta e Porco Celta. ACGA realizará os controis de produción de froitos do bosque en Asturias e facilitará a selección de animais de Gochu Asturcelta para o estudo dos sistemas silvopastoriles nas explotacións de Asturias. ASOPORCEL encargarase da selección de animais da raza Porco Celta para o estudo dos sistemas silvopastoriles nas explotacións de Galicia, ademais de levar a cabo o asesoramento técnico (desenvolvemento e execución do programa sanitario e control e seguimento na cría dos animais) para a implantación das ganderías participantes. ASFOROCAS colaborará xunto ao resto de entidades, principalmente INTEREO, na selección das explotacións de Asturias para o estudo de sistemas silvopastoriles en bosques  caducifolios con porcino Gochu Asturcelta. MVMC “O CARBALLO” colaborará xunto ao resto de entidades, principalmente INTEREO, na selección das explotacións de Galicia para o estudo de sistemas silvopastoriles en bosques caducifolios con porcino Porco Celta. Tódolos participantes participarán na difusión dos resultados.

En definitiva, a proposta deste Grupo operativo favorecerá o uso múltiple do territorio, o desenvolvemento rural, o aproveitamento da outonada e a madeira, como técnica de defensa e prevención de incendios forestais (de gran problemática, especialmente en Galicia) e lograr un produto final máis homoxéneo e de alta calidade sensorial e organoléptica para consumo nacional e para a exportación, combinado cunha adecuada conservación do medio e a loita contra o cambio climático con explotacións con menores residuos contaminantes e menor consumo enerxético de produtos derivados do petróleo.