Síguenos en:

ASOPQRCEL: Trazabilidade dixital certificada por blockchain na cadea produtiva do Porco Celta

A iniciativa culminará coa presentación dun sistema de trazabilidade certificado que permita garantir ao consumidor, non só a calidade e autenticidade do produto, senón tamén a achega da información sobre o impacto medioambiental e o benestar animal na súa produción.

Desenvolverase durante os vindeiros tres anos ao abeiro das axudas convocadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) no ano 2023 para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027.

pagina/PROXECTO_ASOPQRCEL2_d99yaZ6.jpg

OBXECTIVOS

1. Conseguir que o produto final de Porco Celta chegue ao consumidor etiquetado cun código QR, certificado dixitalmente, para dotar o proceso de produción de total transparencia, claridade e confianza.

2. Definir o impacto medioambiental da produción mediante parámetros como a pegada de carbono ou a hídrica, de xeito que se lle acheguen ao consumidor final datos obxectivos sobre a sustentabilidade desta produción concreta.

3. Engadir maior valor ao produto, así como diferenciación respecto aos competidores e unha mellora no seu posicionamento no mercado.

4. Axudar, a través dos puntos anteriores, a retroalimentar iniciativas de recuperación e posta en valor de terras en desuso, así como promover o asentamento e inicio de actividade económica de xente nova nas zonas rurais máis desfavorecidas.


MEMBROS DO CONSORCIO

  • FUNDACIÓN TERREO. Fundación municipal que persigue a posta en valor e o aproveitamento do patrimonio, co fin de fomentar o desenvolvemento rural e impulsar a economía social local e a creación de emprego en Ribeira de Piquín e o seu entorno, contribuíndo a frear o despoboamento do concello. Entre os proxectos que desenvolve está a xestión dunha granxa de Porco Celta en extensivo.
  • INNOGANDO. Empresa especialista en achegar solucións tecnolóxicas as ganderías para mellorar a súa rendibilidade, o benestar animal e a xestión e calidade de vida do gandeiro, e cunha dilatada experiencia no desenvolvemento e fabricación de dispositivos de monitoreo de actividade e XPS para gando en extensivo.
  • ASOPORCEL. Asociación sen ánimo de lucro que aglutina aos criadores da raza Porco Celta. É a entidade xestora do Libro Xenealóxico e do Programa de Cría da raza e responsable de verificar a trazabilidade no uso do selo 100% Raza Autóctona Porco Celta. Ademais, realiza o programa sanitario e achega asesoramento integral e personalizado ás granxas e participa en proxectos I+D+i, en programas de formación e en labores de promoción.
  • S. COOP. GALEGA TRES FUCIÑOS. Cooperativa de pequenos produtores de Porco Celta que transforman e elaboran produtos derivados desta raza que comercializan eles mesmos.
  • USC-IBADER. Instituto universitario de investigación científico-técnica da Universidade de Santiago de Compostela situado no Campus de Lugo. Nel, o persoal investigador centra a súa actividade no medio rural a través de dúas liñas principais: a ambiental e os agrosistemas.
  • MEDRAR SMART SOLUTIONS SL.  Consultora especializada na prestación de servicios de I+D+i no sector agroalimentario, así como na coordinación de consorcios entre empresas, asociacións e centros de investigación para a xestión de proxectos de alto impacto no sector.
  • PYRAMIS. Empresa especializada no desenvolvemento de softwares para incorporar solucións tecnolóxicas e de innovación ao sector agroalimentario.
  • TRANSMEDIA. Axencia especializada no sector agrogandeiro, desenvolve tarefas de comunicación, edición integral de publicacións, produción audiovisual e xestión de redes sociais.