O proxecto pretende estudar a calidade da canal, da carne e o ritmo de crecemento dos porcos da raza Celta.
As especiais características de rusticidade da raza porcina Celta permítenlle unha perfecta adaptación ás condicións de hábitat dos bosques autóctonos galegos, cargados de peculiaridades orográficas e climáticas. Isto fai que estes animais poidan explotarse en réxime extensivo, obtendo deles uns produtos de calidade excepcional, moi demandados actualmente. Polo tanto, a aposta pola calidade é unha das oportunidades máis sólidas coas que conta o sector cárnico galego para incrementar e fortalecer a súa presenza nos mercados.
O Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA) en colaboración con dous criadores de ASOPORCEL e Monte Carballo, pretende estudar a calidade da canal e da carne e o ritmo de crecemento dos porcos da raza Celta. Tamén se realizará un estudio económico que indique as condicións óptimas de inclinación do terreo para a súa crianza, así como o momento óptimo do sacrificio, valorando a rendibilidade en función dos costes de produción. Ademais, quérese coñecer a calidade da carne das porcas de desvelle, para dar saída ao mercado a estes animais xa que nas explotacións existe unha renovación continua das nais, por redución de produción e problemas de reprodución.
Tralo sacrificio os animais serán despezados na planta piloto do CETECA, calculándose o rendemento da canal; avaliando a calidade da carne coa determinación de parámetros fisicoquímicos; valor nutricional mediante o perfil de ácidos graxos; análise sensorial descritiva.
O obxectivo global deste proxecto é aproveitar o potencial da raza de porco Celta e facer dela un motor económico das zonas rurais de produción onde se asenta. Para conseguir esta finalidade, é necesario establecer unhas pautas de explotación e manexo que permitan a obtención de produtos uniformes e de calidade máxima, capaces de satisfacer as expectativas dun consumidor cada día máis esixente.
A finalidade por tanto da presente proposta levará consigo avaliar a influencia do sistema de cría e a idade de sacrificio sobre a calidade da canal e carne da raza porcina Celta.
Para o cumprimento deste obxectivo, formúlanse os seguintes obxectivos parciais: