Asoporcel pon en marcha a campaña “100 % Nosa” de promoción da raza nos medios


A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) vén de lanzar unha nova  campaña de promoción con presenza na televisión autonómica e nas redes sociais para a difusión do Logotipo 100 % Raza Autóctona Porco Celta.

“Coñeces a raza Porco Celta?” é a chamada de atención coa que Asoporcel quere atraer a novos consumidores cara os produtos derivados deste porco e reforzar así o Logotipo 100 % Raza Autóctona Porco Celta.

A campaña de posicionamento iniciouse a principios desta semana co comezo da difusión na Televisión de Galicia do primeiro dos spots sobre as bondades da raza. Ata principios do ano que vén, o Porco Celta estará presente na televisión autonómica con este e outro clips promocionais que se irán liberando paulatinamente.

En paralelo a estas publicidades, a través das súas redes sociais a asociación reforzará o contido durante os próximos meses mediante a difusión doutras creatividades complementarias, tales como receitas de cociña en vídeo, imaxes e infografías que poñan en valor as múltiples bondades da raza e distintas testemuñas de operadores autorizados.

 

POSTA EN VALOR DO LABOR DOS CRIADORES

“A situación actual do país non é a mellor e cremos que agora, quizais máis que nunca, é un bo momento para poñer en valor o labor que fan os nosos gandeiros non só pola recuperación desta raza autóctona, senón tamén polo coidado e o mantemento do medio”, sinalan os voceiros da asociación. O Porco Celta é unha raza que se adapta moi ben para a cría en sistemas extensivos ao aire libre e que constitúe un recurso inmellorable para o silvipastoreo. “O aproveitamento dese sotobosque para a cría dos porcos axuda a conservar o patrimonio xenético da raza e contribúe de xeito innegable á loita contra os incendios forestais, o que implica a conservación da paisaxe galega e a fixación de poboación nas aldeas”, subliñan.

Como resultado da sinerxía entre o potencial xenético da raza, o tipo de alimentación e o sistema de cría, a carne de Porco Celta resulta excepcional dende o punto de vista organoléptico, nutricional e da saúde e é ideal para a elaboración duns produtos cárnicos de calidade, sobre os cales se pon o foco nesta campaña promocional.

 

O PRIMEIRO VÍDEO, XA DISPOÑIBLE!

O primeiro vídeo da campaña xa está dispoñible nas redes sociais de Asoporcel (Facebook, Instagram e Twitter) e pódese ver baixo estas liñas: